PROXECTO DOCUMENTAL INTEGRADO: “O noso mar”

Desde a Biblioteca do IES Campo de San Alberto propoñemos a toda a comunidade educativa, a elaboración dun proxecto que cubra tódolos puntos de vista: científicos, históricos, artísticos, léxicos e literarios, económicos, sociais…, relacionados co mar, partindo da premisa de que a nosa vida non sería posible sen o mar.

O noso proxecto anual, que se centra no “noso mar”, a súa percepción física, artística, metafórica e o seu dominio por parte do ser humano, quixera ser unha ocasión e un medio para achegar ao noso alumnado ao coñecemento do seu propio entorno natural, cultural, socioeconómico, etc. De xeito que este descubrimento os leve a valorar axeitadamente o noso patrimonio, coñecer e avaliar o presente e quizáis a facer propostas de futuro para conservalo e enriquecelo.

Como método de traballo propoñemos, coma en calquera traballo científico, intentar dar resposta a preguntas clave, por exemplo:

  • Por que é indispensable o mar para a vida no noso planeta?
  • Que é unha ría?
  • Como é a nosa ría?
  • Que especies animais e vexetais viven nela?
  • Cal é o estado actual da ría: O esteiro, as praias, a calidade da auga…?
  • Que concellos e localidades son bañados pola Ría de Muros-Noia?
  • Cal é a relevancia histórica do mar na nosa vila e a súa contorna?
  • Cales son as actividades económicas xeneradas ou dependentes do mar na nosa zona?
  • Cales son os oficios do mar (históricos e actuais)na nosa zona e o seu léxico?
  • Cal é o impacto socioeconómico do mar na nosa vila e a súa contorna.
  • Que papel xogou e xoga o mar nos procesos migratorios da nosa poboación?
  • Os productos do mar nunha dieta saudable.
  • Os deportes náuticos. Escolas de remo, piragüismo, windsuf, surf, vela. Os nosos deportistas olímpicos.
  • O mar nas artes plásticas, na música e no cine.
  • O mar e a literatura.
  • Hai futuro no noso mar?

Estas preguntas deberían ser abordadas dende as materias que teñan estes contidos nos seus currícula, outros quizáis poidan ser tratados en titoría, extraescolares, complementarias, dinamización da lingua galega, voluntariado e a propia biblioteca cos seus clubes de lectura.

Cada profesor propoñerá a actividade que considere axeitada ao seu grupo de alumnos. Todos os traballos deberían realizarse principalmente entre o primeiro e o segundo trimestre xa que o producto final que intentaremos ir construindo de forma colaborativa é un webdoc, é dicir, un documental aloxado nunha web (www.onosomar.es) . Da coordinación deste producto final encargaranse Manuel Cebral e Manuel Torres cos alumnos de Imaxe e son, pero os contidos do documental serán o que cada un de nós cos nosos alumnos e alumnas poidamos aportar. Deste xeito, o terceiro trimestre adicaríamolo a acabar de conformar a webdoc e publicitar e difundir o noso traballo a través das redes sociais, prensa, radio…, e programar unha actividade de fin de curso celebrativa como remate do traballo.

Trátase de levar a cabo as actividades que cada un considere entres os meses de Octubro a Maio. Se só fas unha, bendita sexa!!!

O xeito de organizar a entrega de actividades será a seguinte:

  • Para os profes que se embarquen neste proxecto, estas tarefas consistirán en desenvolver actividades nas que se adquiran as competencias básicas e os obxectivos propios da súa materia usando o Mar como contido ou como recurso.
  • Queremos que vos sintades cómodos neste proxecto, que o vivades como algo propio, é de todas e todos e será o que entre todos sexamos quen de facer.
  • Tanto ten cales sexan as actividades, a idea é que non interrumpa o voso labor docente, pola contra, debería ser un enriquecemento do mesmo.
  • O profesor participante faranos chegar as actividades que se realizaron no formato dixital elexido para poderen ser subidas a unha web, e dende o equipo coordinador enlazarémolas a www.onosomar.es

Dende a biblioteca poñemos á vosa diposición e de todo o alumnado todos os recursos dos que dispoñemos, que poderemos ir enriquecendo coas vosas suxestións e achegas.

A nosa vida non sería posible sen o mar… propoñemos un proxecto documental dende tódolos puntos de vista: científicos, históricos, artísticos, léxicos e literarios… que nos acheguen a este o noso entorno …